Aquí temos a nosa canción para celebrar o Entroido deste ano!
Veremos desfilar ás Pantallas de Xinzo, ás Madamas e Galáns de Cobres, aos Volantes de Chantada, aos Xenerais da Ulla, aos Cigarróns de Verín, aos Boteiros de Viana do Bolo e ao Oso de Salcedo.
As
mascotas de Ed. Infantil, os lobiños Lupo e Lobi Lobi, e tamén
Camosiña, a mascota da Biblioteca do CEIP da Cruz, lévannos dar un
paseo por algúns dos lugares que se poden visitar na provincia de
Pontevedra.
Para celebrar a chegada da primavera, a chegada do mes de maio, imos cantar este
cantiga, este "maio" tradicional de Moaña, recollido polo músico e etnógrafo
Xavier Blanco.
AQUÍ VÉN O MAIO CARGADO DE FLORES
AQUÍ VÉN O MAIO SEMENTANDO AMORES
A tradición dos maios
"Aínda que existen moitas hipóteses sobre a súa orixe, unha das máis empregadas
fala de cando xurden os primeiros rituais que teñen que ver coa recolección.
A
xesta é a pranta silvestre por excelencia que simboliza o maio.
Antigamente
collíanse no monte e pendurábanse na roupa ou cubrindo o corpo, nos carros,
casas e incluso se adornaban os camiños máis transitados.
Desta tradición
primixenia destaca o "maio humán", que percorría os pobos e vilas para anunciar
o maio.
Actualmente desenvólvese na época da exaltación das flores durante a
estación primaveral. O máis común é celebralo arredor do primeiro de maio.
Aínda
que tamén existen outras variedades coma o "maio figurado" ou o "maio maiolo", a
expresión máis común e arraigada é a do "maio de palleiro".
Ata hai uns anos,
estas expresións artísticas facían que se xuntaran os nenos e as nenas para
compoñer as coplas e armar as figuras co fin de percorrer os diferentes eirados
do pobo e representalos o día primeiro de maio.
As coplas describían normalmente
o proceso de construcción do maio e outros sucesos e anécdotas ocorridas a nivel
local nacional e incluso estatal.
O maio de palleiro, tamén chamado árbore do
maio, ten forma de palleiro cónico armado sobre unha estructura de varas de cana
ou pau con catro asas para podelo transportar. Pode ir revestido con todo tipo
de vexetais según a zona, sendo os máis comúns a xesta, fiuncho, todo tipo de
flores, bugallos, ovos e froitas coma laranxas ou limóns... Na súa cúpula pode
levar unha coroa de flores moi elaborada e colorida.
Tradicionalmente para a
representación artística, metíase un neno ou nena dentro do palleiro, o cal
representaba a voz do maio. Os demáis compoñentes do grupo cantaban as coplas
arredor do maio mentres batían os palitroques para o acompañamento.
Do mesmo xeito que sucedía na maioría das representacións do ciclo do ano que
desenvolvían os nenos e nenas, a costume era pedir perriñas, carto pequeno para
gastar en melindres ou algunha outra trapallada. Ademáis o xuntado referenciaba
a valoración do traballo." (Do blog de Xavier Blanco)
Este venres celebraremos o Día de Rosalía de Castro, a nosa poeta.
Cantaremos esta fermosa versión da Alborada de Rosalía de Castro, musicada pola cantante Uxía:
Logo de que Rosalía escribira a súa Alborada, moitas persoas quixeran saber como era a música que ela usou para a letra.
Foron persoas como Perfecto Feijoo e Casto Sampedro quen se dedicaron a investigar para atopar esa música orixinal. Mesmo a filla de Rosalía, Alexandra, cantou para eles, pero nunca se soubo con certeza cal era a música verdadeira de Alborada.
Así, quedou como unha especie de misterio que sempre será parte do soño, e todas as versións da canción son verdadeiras de algún xeito.
No ano 1920, a Alborada de Rosalía foi gravada por un grupo de músicos de Soutelo, e desde daquela moitos gaiteiros tomaron esa versión para aprender e tocar a canción.
Na próxima semana celebraremos o Magosto no CEIP da Cruz, e imos recibir a visita das pandeireteiras "As Camoesas", dirixidas por Eva Méndez, que foi alumna do cole.
Para poder cantar con elas, imos aprender dúas cantigas.
1- O pasadobre de Laxoso (Pontecaldelas), coñecido por "Ole, laranxiña"
Aquí escoitamos ás propias mulleres de Laxoso, que se uniran para formar o grupo "Dignas do querer".
Unha delas, Áurea Adán, colaborou moitas veces no programa Luar da TVG; tiña moi boa voz, sabía moitísimas cantigas e tamén improvisaba coplas.
Nunha entrevista que lle fixeron, inventou estas dúas letras, animando aos nenos a falar en Galego:
Falade galego, nenos,
xa o falaba a vosa avoa.
Para falar ben galego,
hai que mamalo na escola
Cantade todos en galego,
cantade con alegría;
o galego é o noso,
xa o dicía Rosalía
O programa "Alalá" tamén fixo un programa dedicado ás cantareiras de Laxoso:
E 4 anos máis tarde fíxose outro "Alalá" a "Dignas do querer":
2- "O Verdegaio" é unha cantiga galego-portuguesa, aprendida a Isaura do Xerelo, de Calvos de Randín (Ourense), e que as famosas pandeireteiras Leilía gravaron hai xa uns anos: